Que é a Bioapicultura

 

 

A Bioapicultura é unha maneira máis natural de relacionarse coas abellas e coa natureza en xeral dándolle importancia ás relacións que existen entre todos os seres vivos que forman o enxame.

O realmente importante son as relacións entre os indivíduos e non os indivíduos en si mesmo. Non se trata de fixarse nas obreiras, na nai ou nos machos se non nas relacións que os conectan entre si para formar o enxame.

As obreiras e a nai nacen e morren, os machos tamén pero o enxame sobrevive. O ser vivo é o enxame, é el o que pervive.

Hoxe en día as abellas xa non se valen por si mesmas, precisan de nós para sobrevivir. Sen embargo somos nós os que lles contaminamos a natureza e as manipulamos a noso antoxo pensando maís en nós mesmos que nelas. Non facemos nada que non fagamos con outros seres vivos e coa natureza no seu conxunto. A nosa soberbia lévanos a pensar que estamos na cima da evolución e a natureza está aí para nos aproveitar dos seus recursos. E leva sendo así dende a revolución industrial. Pero xa o noso mundo empeza a facer auga por moitos sitios e seguimos actuando coa Forza Bruta que nos caracteriza, botando man da tecnoloxía para ir tapando rotos con descosidos.

Alguén pensa que pode superar o traballo da natureza? Acaso podemos melloralo? Pode ser que alguén responda que si. Así tamén responderon quenes construiron e gobernaron o Titánic.

Pode ser que alguén pense que pode sustituir ás abellas. Polinizar como elas o fan e facer mel como só elas son capaces de facer. De momento non podemos facer tal cousa. Podemos facer algo apróximado ao mel pero necesitaríamos moita máis enerxía do que precisan as abellas. Somos a única especie neste planeta que derrochamos enerxía. É a Forza Bruta (1) que nos caracteriza. Pero a natureza opera de xeito moi distinto, optimizando a enerxía ao máximo posible e quen non o faga así queda atrás na evolución.

Se observamos con detenimento ao enxame como ser vivo, podemos darnos conta de dúas cousas moi importantes para el; a temperatura e a cera.

Hoxe sabemos que un enxame é capaz de colleitar néctar para producir o equivalente a 300Kg de mel nunha soa campaña apícola (2). A maior parte de toda esta enerxía é utilizada para manter arredor dos 35ºC o núcleo vital do enxame.  Ou sexa, que todo ese esforzo é utilizado para o servizo de calefacción. Este dato xa nos pode dar idea da importancia que ten para o enxame o mantemento da temperatura. Daquela, podemos preguntarnos se as abellas invertirían tanto esforzo se non fose vital para a supervivencia do enxame.

Cando un quere mercar unha colmea, o primeiro que atopa no mercado é a colmea Langstroth ou “perfección”. Este nome deixa entrever algo; 10 cadros na cámara de cría en disposición fría, ou sexa, perpendiculares á entrada. Este deseño de colmea só pensa no apicultor, non pensa nas abellas. Cadros suficientemente separados para que non poidan xuntar os panais e para que as correntes de aire sequen ben o néctar e o mel teña o punto de humidade correcto. As abellas parecen non protestar, aparentemente.

Outro tanto sucede coa cera. As abellas precisan máis de 7Kg de mel para facer un só quilo de cera. Un esforzo enerxético moi importante para o enxame o que revela a súa importancia para a supervivencia deste ser vivo. Así debe ser xa que o panal de cera constituie un verdadeiro órgano para o enxame. É o seu soporte, o lugar onde elaboran o mel e o almacenan, o almacén do pole, a súa identidade como enxame, a incubadora, o sistema de comunicacións, un almacén de información e a primeira liña de defensa contra patóxenos.

A Bioapicultura consiste nun manexo axeitado das nosas intervencións e do deseño da colmea para interferir o menos posible na bioloxía do enxame. Nelo lle vai a súa vida xa que todo indica que o que estamos a facer coas abellas altera o seu sistema inmune facéndoas máis débiles e incapaces de defenderse das doenzas como así veñen facendo por si mesmas dende hai 300 millóns de anos. (3)

1.- Michel Broungart e William McDonough. Cradle to cradle. McGraw-Hill/Interamericana de España S.A.U. (2005)

2.-Jünger Tautz. The Buzz about Bees. Springer (2008)

3.-Diana Sanmataro, Jay Joder, Gloria DeGrandi-Hoffman e outros. Honey Bee Colony Health. CRC Press. 2012

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *